Visitas guiadas e obradoiros para mergullarse na fotografía do XIX

Pontevedra
13 de xaneiro 2026
Actualizado: 11:31

As visitas á exposición "Debuxar coa luz" serán os xoves ás 18 horas e os domingos ás 12 h. e é necesaria reserva previa a través da web do Museo

Exposición "Debuxar coa luz" no Museo de Pontevedra
Exposición "Debuxar coa luz" no Museo de Pontevedra / Cristina Saiz

Este xoves 15 de xaneiro, o Museo de Pontevedra pon en marcha un atractivo programa de visitas guiadas á exposición "Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX", que poderá visitarse ata o vindeiro 5 de abril.

A proposta convida o público a viaxar aos inicios da fotografía e descubrir como esta nova técnica transformou a maneira de retratar persoas e cidades.

As visitas realizaranse todas as semanas, os xoves ás 18.00 horas e os domingos ás 12.00, cun máximo de 20 persoas por sesión.

Para participar é necesario reservar praza previamente a través do formulario dispoñible na web do Museo.

Cunha duración aproximada dunha hora, estarán guiadas polo equipo de Educación do Museo de Pontevedra, que axudará ás persoas asistentes a comprender as claves e curiosidades dunha mostra tan singular como completa.

A exposición reúne arredor de 300 fotografías, na súa maioría orixinais do século XIX, xunto con máis dun cento de obxectos e pezas de mobiliario.

O percorrido rende homenaxe aos pioneiros da fotografía na cidade, desde os primeiros daguerrotipos ata a aparición das revistas ilustradas, pasando pola popular "carte de visite", a crónica urbana ou a fotografía científica e patrimonial.

O retrato e a fotografía urbana ocupan un lugar destacado, sen esquecer o valor documental e científico destas imaxes.

Ademais das visitas guiadas, a exposición complétase cun programa de actividades para todos os públicos.

En febreiro celebrarase un obradoiro de colaxes animadas, dirixido a persoas a partir de 8 anos, no que se traballará con fotografías antigas para crear pequenas animacións mediante a técnica do stop motion.

Xa en marzo, o Museo acollerá unha xornada dedicada aos arquivos gráficos e aos museos, con conferencias centradas na adquisición, conservación e difusión deste valioso patrimonio visual.