O programa de entrevistas con personaxes de diferentes eidos que se expresan no seu traballo e no cotiá en galego regresa ás rúas de Pontevedra.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentaba o ciclo 'En3vistas', coa novidade de que se muda o formato a unha conversa entre dous convidados. Introdúcese tamén a figura da moderadora, que nesta edición será a xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego.
Alberto Oubiña explicaba que 'En3vistas' é "un proxecto integral para poñer a lingua por bandeira a través de xente que fai do noso idioma parte da súa vida e do seu traballo. E buscamos, polo tanto, nesta nova edición, seguir creando referentes na sociedade e incrementar o número de falantes, e tamén camiñar para a plena normalización do idioma".
As conversas desenvolveranse en diferentes espazos ao aire libre con todas as medidas de seguridade, como cadeiras separadas, xel hidroalcólico o control de aforo, e abranguerán cinco áreas: moda, artes, ciencia, televisión/teatro e música. Pódense seguir en directo, na canle de Facebook @pontevedrate, e en diferido a través da ligazón Youtube: ponte.gal/youtube
2 AGOSTO / 20:00 HORAS / AVENIDA DE SANTA MARÍA
O deseñador Álex Regueiro e editor da primeira Guía de Viaxes de Galicia en galego, español, inglés e chinés falará de moda en galego con María Viqueira, costureira de longa tradición familiar con taller propio en Ordes tras o seu traballo para Roberto Verinno.
3 AGOSTO / 20:00 HORAS / XARDÍNS DO DOUTOR MARESCOT
A artesá do son francesa Mounqup e o artista gráfico e ceramista xaponés Masakazu Shida amosarán que é posible expresarse en galego cando non é a túa lingua natal. Mounqup vive no rural ourensán, onde impulsa a recuperación da aldea de Saumede e adapta a cultura galega ás súas creacións. No caso de Masakazu Shida, a súa arte, especialmente a olería, tende unha ponte entre Galicia e Xapón.
4 AGOSTO / 20:00 HORAS / VIRXE DO CAMIÑO
O mundo da ciencia tamén toma o galego como vehículo de expresión. Na conversa desta xornada participará a médica psiquiatra Iria Veiga, coñecida nas redes sociais como "Raíña vermella", e que conta cunha canle de divulgación científica en Twitch, "Balea Vermella", xunto a Javier Balea. Parolará con Darío Lago, investigador graduado pola Universidade de Santiago que vén de ser portada na revista Nature pola súa investigación sobre a Internet Cuántica e que tamén divulga en galego na súa canle de Youtube "O son das Ideas" e de Twitch co proxecto "Ecos de Xigantes".
5 AGOSTO / 20:00 HORAS / PARQUE DO GAFOS
A xornada do xoves 5 a agosto será a máis mediática, coa presenza de dous actores e comunicadores con ampla traxectoria: Carlos Blanco e David Amor.
Carlos Blanco é actor e director teatral con máis de 30 anos de experiencia. Dos últimos anos cabe destacar a súa interpretación na serie "Fariña" do narco Laureano Oubiña ou o récord de despacho de billetes con máis de 50.000 entradas vendidas co espectáculo en colaboración con Xosé A. Touriñán "Somos criminais". Destaca a súa actividade como monologuista, levando o idioma galego máis aló das nosas fronteiras.
David Amor é un coñecido presentador da Televisión de Galicia, traballo que combina coa interpretación e os monólogos. Foi xogador de balonmán no primeiro equipo do Teucro e na actualidade usuario e divulgador das rutas ciclistas na contorna de Pontevedra.
6 AGOSTO / 20:00 HORAS / PONTE DO BURGO
A música pechará o ciclo 'En3vistas' coa popular Pili Pampín, cunha carreira de máis de 30 anos como cantante pero tamén como presentadora e colaboradora de programas da TVG como Luar e Land Rober Tunai Show, e Ortiga, o nome do proxecto en solitario do músico coñecido como "Chicho do Funk" e que promove un cóctel de estilos entre música de verbena, cumbia tuneada e metalcore en galego.