Volve o ciclo Imperdibles: The Sonics, o 9 de outubro, primeira banda confirmada

Pontevedra
11 de setembro 2015

Unha das bandas más respectadas do panorama musical de todo o mundo, The Sonics, será a encargada de abrir a segunda edición do ciclo Imperdibles que, este outono, regresa ao Pazo da Cultura de Pontevedra. Actuarán no auditorio o próximo venres 9 de outubro

The Sonics, no seu concerto no festival Cultura Quente 2010
The Sonics, no seu concerto no festival Cultura Quente 2010 / Alberto García (https://www.flickr.com/photos/bertogg/)

Unha das bandas más respectadas do panorama musical de todo o mundo, The Sonics, será a encargada de abrir a segunda edición do ciclo Imperdibles que, este outono, regresa ao Pazo da Cultura de Pontevedra. Actuarán no auditorio o próximo venres 9 de outubro.

Orixinarios de Tacoma (Washington), The Sonics naceron en 1963 e son mundialmente recoñecidos como a primeira banda de punk, garage, hard rock e alternativa, que sentou as bases para todos os que chegaron despois.

The Sonics era a banda que todo o mundo quería ver, a sensación do momento. O feito de deixar os escenarios tan cedo non evitou que o seu legado continuara vixente durante décadas grazas aos seguidores que difundiron a súa música.

Unha afección que propiciou que a finais de 2007 o grupo decidirá reunirse para ofrecer dous espectáculos nos que esgotaron as localidades. Un retorno que conseguiu que promotores, xornalistas, críticos, festivais e seguidores de todo o mundo gozaran novamente da música dun grupo que durante anos os inspirou.

Un novo disco, This Is The Sonics, cos membros orixinais Jerry Roslie (voz e teclado), Rob Lind (saxo, harmónica e voces) e Larry Parypa (guitarra), xunto ao baixista Freddie Dennis e Dusty Watson á batería, amosa ao grupo na súa mellor forma 50 anos máis tarde.

No seu concerto en Pontevedra estarán acompañados polos galegos The Soul Jacket, que presentan o seu terceiro LP: Black Cotton Limited, un disco redondo, que supera o listón dos seus predecesores e amosa a unha banda máis exposta e inspirada ca nunca.

As entradas pódense mercar xa en Ticketea e nas próximas horas en Ataquilla a un prezo de 25 euros máis gastos de xestión.

A de The Sonics é a primeira confirmación dun evento cultural que naceu o pasado ano, a través da promotora pontevedresa Esmerarte, co propósito de dotar ás Rías Baixas dun ciclo de música internacional. Grazas a el, puidemos gozar das actuacións de Fanfarlo, Zoé, Eli Paperboy Reed, Ana Moura ou Vetusta Morla, todas elas cunha magnífica acollida.