A organización do festival Bigsound Pontevedra xa atopou substituto para Beret, cuxo concerto foi cancelado tras ser denunciado por agresión sexual.
Será Walls, un dos artistas de pop urbano máis populares do panorama nacional. Actuará en Pontevedra o sábado 18 de xullo.
Nacido en Murcia no ano 2000, Ginés Paredes Giménez -o seu nome real- descubriu o rap aos dez anos, momento no que comezou unha afección que marcaría toda a súa adolescencia e o inicio da súa traxectoria musical.
Tras participar con éxito en varios torneos freestyle e editar as súas primeiras cancións, decidiu explorar un son máis próximo ao pop e á nova onda urbana española, sen abandonar do todo as súas raíces no rap improvisado.
En 2022 publicou o seu primeiro álbum, Los niños del parque, un traballo no que apostaba por unha mestura de enerxía xuvenil, melodías accesibles e un son que comezaba a expandirse cara a territorios máis próximos ao pop-rock e ao indie.
Dous anos despois chegou o seu segundo disco, Luna 18, que incluía unha produción con bases de rock e punk combinadas con melodías pop; e xa este ano publicou o terceiro, El día que me olvides, onde o seu son está influído polo pop rock do noventa.
Xunto con esta última confirmación, Bigsound Pontevedra confirmou a repartición por días e horas de todos os seus concertos.
Así, o venres 17 de xullo actuarán Ele DJ (16:00 horas), LG1DO (16:50), Gemeliers (17:20), Mafalda Cardenal (17:50), Chema Rivas (18:35), Despistaos (18:55), Nil Moliner (19:55), Luck Ra (20:55), Lucho RK (21:55), David Bisbal (23:10), Hens (00:25) e Juan Magán (01:25).
O sábado 18 serán os concertos de Rager (16:45), Yami Safdie (17:15), Big Lois (18:00), Walls (18:45), Besmaya (19:45), Ana Mena (21:00), Natalia Lacunza (22:00), Nathy Peluso Club Grasa DJ set (23:00), Luc Loren (00:05) e María Becerra (01:10).
Todas as actuacións serán no recinto habilitado no Parque de Tafisa.