"Willkommen" ao cabaré da Ferrería

Pontevedra
30 de xullo 2021

Las Antonias Band foron as encargadas de abrir o ciclo 'Cabaré, cabaré' que ata o domingo presentará diversos espectáculos en sesión matinal polas rúas do centro histórico e durante as noites no escenario da praza da Ferrería, con entrada libre, dentro da programación das Festas do Verán do Concello de Pontevedra

Actuación de Las Antonias Band
Actuación de Las Antonias Band / Cristina Saiz

Esta fin de semana, aquelas persoas amantes do espectáculo teñen unha ocasión perfecta para penetrarse no mundo do humor, a música e a festa a través do ciclo 'Cabaré, Cabaré!', que se desenvolve ata o domingo no centro histórico, dentro do programa de Festas do Verán do Concello de Pontevedra.

Durante as mañás desenvólvense espectáculos itinerantes e polas noites, o escenario da Praza da Ferrería, convértese nun espazo para que o mestre de cerimonias cante Willkommen e abra un pano tras o que aparecen artistas sorprendentes.

Na primeira noite, Las Antonias Band fixeron gozar ao público cun concerto optimista, empoderado e participativo baixo o lema 'Todas somos Antonias'. As cinco artistas ofreceron un repertorio de temas moi populares pero con letras modificadas e cheas de ironía.

Este venres 30 a quenda é para a banda de swing Menil Swing & Amigos coas voces dalgúns dos cabareteros máis consolidados no panorama galego como é o caso de Nelson Quinteiro, Iria Pinheiro ou Lilí Berlín.

Este sábado, a partir das 22.00 horas, a praza chegarase de fume, sensualidade e provocación coa Gala de Cabaret Berlinés Atemporal. Coreografías, números con cadeiras, chapeus e corpiños da Compañía Nelson Quinteiro deixarán pampo ao público.

E por último, o domingo pecharase o ciclo coa estrea de 'Fala-Me. Trad  Cabaré', con Nelson Quinteiro ofrecendo unha nova proposta que fusiona estética, música e danza tradicional co descaro e o atrevemento. Sobre o escenario abrirase un salón de baile galego dos anos 30 con fetichismo e sensualidade. Comezará tamén ás 22.00 horas e a entrada é libre, seguindo os protocolos sanitarios establecidos.