Xa están dispoñibles na internet as charlas sobre as escavacións e a historia do convento de Santa Clara

Pontevedra
27 de decembro 2022

Os relatorios que falaron sobre o consumo de chocolate, a posible anorexia das monxas, as tumbas, os teatriños da Inquisición, ou as balas atopadas no convento están accesibles en vídeos, presentacións e fotografías

Equipa de arqueloxía de Santa Clara
Equipa de arqueloxía de Santa Clara / Deputación de Pontevedra

As charlas sobre as escavacións e a historia do convento de Santa Clara realizadas nas últimas semanas no convento están dispoñibles a demanda dende este martes na páxina depo.gal

Calquera persoa que non puidese asistir, queira volver escoitalas ou consultar algunha anécdota que lle chamara a atención poderá facelo, xa que os sete relatorios que falaron sobre o chocolate, a posible anorexia das monxas, as tumbas, os teatriños da Inquisición no convento ou as balas atopadas no recinto están accesibles en diferentes formatos: vídeos, presentacións das persoas relatoras e galerías fotográficas dos actos.

Os relatorios foran organizados co gallo do aniversario da compra do recinto relixioso ao longo dos meses de novembro e decembro.

Pretendían expoñer, de maneira directa da man das persoas estudosas que realizaron os traballos de arqueoloxía e documentación, os achados e resultados das escavacións realizadas no recinto relixioso para coñecer máis sobre a historia e vida das clarisas durante os máis de 700 anos que o conxunto permaneceu pechado ao público.

Este estudo, xunto aos informes xeotécnico e de patoloxías, servirá de base para o concurso de proxectos que permitirá que o convento poida ser rehabilitado e incorporado como novo edificio ao Museo de Pontevedra.

As charlas comezaran o 22 de novembro con ‘Ósos, cacharros, clausura e chocolate. Primeiros resultados da escavación en Santa Clara’, a cargo de Rafael Rodríguez Martínez, director do proxecto e arqueólogo provincial, e Israel Picón Platas, codirector da intervención e arqueólogo (Citania). Entón fíxose unha primeira aproximación aos resultados dos achados obtidos nos 780 metros cadrados de catas realizadas. Entre outros elementos atopáronse preto de 8.000 pezas de cerámica. 

A segunda xornada estivo titulada ‘Cando as paredes falan’, e realizouna o doutor Victoriano Nodar, responsable de arqueoloxía de paramentos, que tratou sobre as diferentes construcións e muros e o momento no que foron edificadas. No terceiro relatorio, ‘Compoñendo puzzles’, Aldara Rico, responsable dos traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos fixo un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

A cuarta conferencia tiña o título de ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, e impartírona a doutora Olalla López e Clara Veiga, ambas antropólogas, que explicaron como se desenvolveron as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento, que achegaron información sobre o estilo de vida e a alimentación na congregación, entre outras cousas sobre a alimentación, a posible anorexia das clarisas e outras anécdotas.

En quinto lugar chegou ‘Os papeis de Santa Clara’, do doutor Suso Vila, quen centrou a súa charla na investigación histórico artística e o baleirado documental sobre o convento. Entre outras anécdotas neste vídeo nárrase a rebelión das monxas de Santa Clara fronte aos Franciscanos da cidade pola súa ‘tiranía’ e como as monxas, co fin de manter a disciplina dentro da orde facían teatriños xogando á Inquisición replicando os autos de fe do Tribunal do Santo Oficio.

‘Conferencia de (case) clausura’ foi o sexto relatorio, a cargo do doutor Xurxo Ayán, quen abordou a historia do convento e das Clarisas nas épocas moderna e contemporánea, facendo parada singular no franquismo. O relatorio a disposición do público, entre outras anécdotas, inclúe a explicación sobre a munición e elementos de batallóns carlistas atopados dentro do recinto.

Finalmente, ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’ foi a conferencia de peche a cargo das doutoras María Martín e Carmen Salinero, que fixeron un percorrido sobre a botánica dentro do recinto relixioso a raíz da análise dos carbóns atopados na finca, das madeiras existentes, e tamén das fibras naturais atopadas en algunhas escavacións, pertencentes fundamentalmente aos enterramentos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora