Xaneiro no Cineclube Pontevedra é o mes do cineasta portugués Paulo Rocha

Pontevedra
15 de xaneiro 2023

Paulo Rocha, figura eminente da cinematografía lusa e considerado o pai do novo cinema portugués, será o protagonista da programación que o Cineclube Pontevedra preparou para este mes de xaneiro. Será coa proxección de tres das súas películas

Escena de "Os verdes anos" de Paulo Rocha Atalante Cinema

Paulo Rocha, figura eminente da cinematografía lusa e considerado o pai do novo cinema portugués, será o protagonista da programación que o Cineclube Pontevedra preparou para este mes de xaneiro. Será coa proxección de tres das súas películas.

A influencia deste autor é visible na obra de cineastas portugueses contemporáneos como Pedro Costa, João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes ou João Salaviza.

Malia as dificultades de acceso ao seu traballo, Rocha é coñecido nos circuítos cinéfilos internacionais como autor dunha complexa reflexión sobre Portugal, sobre as súas raíces culturais e matrices identitarias.

O Cineclube, da man da distribuidora Atalante, ofrecerá tres filmes fundamentais da súa filmografía, con presenza nos tres da actriz portuguesa Isabel Ruth: Os verdes anos (1963), Mudar de vida (1966) e O río de ouro (1998).

Os verdes anos poderá verse este martes 17 de xaneiro. Pedra angular do cinema luso, a ópera prima de Paulo Rocha, filmada nun esplendoroso branco e negro, é unha mirada desencantada, tenra e amarga á Lisboa moderna a través dos ollos de dous mozos que veñen do campo.

O martes seguinte, o día 24, será a quenda de Mudar de vida. Coa guerra colonial como pano de fondo, o segundo filme de Rocha narra unha serie de episodios da vida de Adelino, un home que regresa á súa pequena aldea de pescadores logo de facer o servizo militar.

O ciclo concluirá o martes 31 con O río de ouro. Ambientada nos anos 50, a rexión do Douro é unha vez máis o escenario dun drama de amores tráxicos. Todo transcorre ben na tranquila vida da aldea ata que Carolina comeza a sospeitar unha relación entre o seu home e a súa sobriña.

Todas as proxeccións, que serán no Teatro Principal ás 20:30 horas, faranse en versión orixinal con subtitulado en galego.