Os Xardíns de Marescot acolleron as historias de Caxoto

Pontevedra
10 de xuño 2025
Actualizado: 11:13

Por primeira vez o Paraninfo do IES Valle Inclán e os Xardíns de Marescot forman parte dos escenarios do festival xunto a outros emprazamentos habituais

Actuación de Caxoto en Sete Falares

O festival Sete Falares continúa achegando a Pontevedra historias de 12 contadores procedentes de Galicia, Bretaña, Uruguai, Euskadi, Brasil, Colombia ou Alacant.

Por primeira vez o Paraninfo do IES Valle Inclán e os Xardíns de Marescot forman parte dos escenarios do festival xunto a outros emprazamentos habituais coma a Casa da Luz, o Parador de Turismo e o Teatro Principal.

Este luns o protagonista foi Caxoto cun espectáculo para público adulto. 

Caxoto naceu no 1979 e dende sempre estivo ligado aos espazos escénicos ben a través do teatro, do baile tradicional ou da música.

De carácter inquieto e rebuldeiro, nunca faltou unha idea atolada na súa cabeza, unha mirada pícara e curiosa, e unha argallada agromando nos seus beizos.

Decidiu estudar para ser mestre na cidade de Lugo pero axiña se deu conta de que prefire explorar outros campos como as artes escénicas, a educación non formal (ocio e tempo libre) ou o eido do social, rematando co tempo por conxugalo todo na súa traxectoria como narrador oral.

Os Xardíns de Marescot que este luns acolleron a Caxoto, repiten este martes con Charo Pita.

De novo será ás 20.00 horas o espectáculo dirixido para público adulto.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora