Xoves de verán para coñecer con detalle as Ruínas de San Domingos

Pontevedra
27 de xullo 2021

As redes sociais do Museo de Pontevedra lembran que cada xoves poden realizarse visitas guiadas aos restos desta construción iniciada polos dominicos no século XIII. As visitas son gratuítas

Ruínas de San Domingos
Ruínas de San Domingos / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

"Se es desas persoas que pasaron por diante infinidade de veces pero descoñece a historia deste destacado monumento, deberías sumarte ás visitas guiadas" ás Ruínas de San Domingos en Pontevedra. É o reclamo que utilizan en redes sociais desde o Museo de Pontevedra para fomentar as visitas a este espazo.

Lembran así aos residentes na cidade e tamén aos visitantes que todos os xoves a partir das 12.00 horas se poden descubrir segredos desta obra arquitectónica unida á historia da cidade. Un templo gótico que comezou a construírse a finais do século XIII, tras a chegada dos dominicos á vila.

Xa no século XVIII tentouse unha reconstrución de estilo neoclásico, que non chegou a terminarse. Actualmente consérvase a cabeceira da igrexa con cinco ábsidas poligonais e un muro lateral cunha pequena portada e o seu rosetón.

As visitas guiadas ás Ruínas son gratuítas, respectando os protocolos de seguridade sanitaria.