O Museo abre a exposición 'Mulleres. De Renoir a Sorolla' con medio cento de obras de artistas de renome

Pontevedra
06 de agosto 2021

Reúne medio cento de pezas da Fundación Fran Daurel con autores como Renoir, Casas, Rusiñol, Nonel, Baixeras, Hugué, Palencia, Gargallo ou Sorolla que poñen á muller como protagonista nos anos da transición entre o século XIX e XX, cando o ámbito do feminino se convirte nun dos asuntos máis tratados pola modernidade    

Exposición 'Mulleres. Entre Renoir e Sorolla'
Exposición 'Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra inaugura este xoves a exposición 'Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' que reúne medio cento de pezas da Fundación Fran Daurel con autores como Renoir, Casas, Rusiñol, Nonel, Baixeras, Hugué, Palencia, Gargallo ou Sorolla que poñen á muller como protagonista nos anos da transición entre o século XIX e XX, cando o ámbito do feminino se convirte nun dos asuntos máis tratados pola modernidade.

O director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey destacou a transcendencia e o interese temático das obras expostas, polo que augurou unha moi boa acollida entre o público nesta mostra que completa a programación deste verán e que aspira a ser un dos grandes reclamos culturais de Galicia nesta tempada estival.

A mostra 'Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' estará aberta ata o 17 de outubro no Edificio Castelao e reúne óleos, debuxos e esculturas que amosan "ademais da visión máis tradicional e convencional a chegada da identidade feminina a outros ámbitos máis novidosos", explicou Rey.

A comisaria da mostra, Helena Alonso, incidiu en que as obras incluídas na exposición seleccionáronse de entre a colección de Francisco Daurel, cos mellores representantes da pintura e a escultura no cambio de século. 

As obras de 'Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' están estruturadas en diferentes apartados coma a representación da muller no ámbito intelectual, os espidos, o retrato, o interior doméstico "que é o lugar onde moitos artistas seguían situando a representación do ámbito feminino", apuntou Alonso.

De aquí pásase despois a "a conquista do espazo exterior", onde se pode ver á muller protagonista na natureza, as praias, os teatros ou a propia cidade. E finalmente, confróntanse as mulleres traballadoras, moitas veces acompañadas dos seus fillos e representadas con grande dignidade, e a Arcadia Soñada, unha visión das mulleres como as responsables de transmitir valores ás crianzas que xurdiu tralo fin da Primeira Guerra Mundial. 

Para pechar a mostra, está dispoñible unha playlist de Spotify cun código QR na que se inclúen autores da época que musicalmente influíron ou se viron inspirados por outras disciplinas creativas do momento: Manuel de Falla, Berthe Sylva, Félix Mayol, Erik Satie, e incluso Manuel Quiroga. "Queremos que a persoa visitante coñeza ese período creativo no que os artistas tiñan estreito contacto", subliñou a comisaria.