Agosto foi un mes de récord no Museo de Pontevedra. O número de visitas no mes de agosto foi o máis alto dos últimos dez anos. Polas súas instalacións pasaron 41.862 persoas, unha cifra que supera en máis de 2.500 visitantes a anterior marca, fixada en agosto de 2011.
Para o director do museo pontevedrés, José Manuel Rey, estes datos supoñen unha satisfacción, xa que confirman o atractivo da institución tanto para turistas como para locais grazas ás exposicións e ás actividades programadas.
"Hai que ver agora como se porta este mes de setembro", engadiu Rey, que destacou que o día de maior afluencia foi o 5 de agosto, coincidindo coa inauguración da exposición Mulleres. Entre Renoir e Sorolla. Ademais, foi o mellor xullo en cinco anos con 22.591 visitantes.
En canto á procedencia dos visitantes individuais do mes de agosto, o 38% foi de procedencia galega -sobre todo da provincia de Pontevedra-, seguida de turistas estatais (44%), poñéndose á cabeza Madrid, Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana e País Vasco.
No relativo aos visitantes internacionais, un 7%, houbo procedencias moi variadas, destacando por esta orde Francia, Portugal, Estados Unidos, Italia, Alemaña e Países Baixos.
Por exposicións e dende a súa apertura, a mostra de Novos Valores 2020 recibiu ata o de agora 11.048 visitantes dende o 8 de xullo; a de Libros Pop Up 6.277 persoas dende o 29 de xullo, e a de Mulleres. Entre Renoir e Sorolla 4.507 persoas dende o 5 de agosto
Ademais, durante os meses de verán intensificáronse as visitas guiadas ás exposicións permanentes que albergan os edificios Sarmiento e Castelao.
O percorrido, duns 50 minutos de duración, inclúe explicacións sobre o Tesouro de Caldas, a Virxe Branca, a xeración doente, a louza de Sargadelos, os renovadores e Castelao.
Tamén están en activo as visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, todos os xoves ás 12 da mañá.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.