Cómplices protagonizará a actuación estelar da XXVII Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Umia
06 de febreiro 2026
Actualizado: 13:16

D'Crooners Band serán os encargados de abrir o concerto antes do coñecido dúo vigués

Cómplices en concerto
Cómplices en concerto / Cómplices

O Concello de Cuntis organiza un ano máis a súa famosa festa local característica do Entroido, pero coa novidade dunha gran actuación do dúo vigués Cómplices, formado por Teo Cardalda e María Monsonís, que se celebrará nunha carpa próxima ao Pavillón Municipal dos Deportes.

O evento terá lugar o vindeiro sábado 21 de febreiro.

As entradas xa están dispoñibles e pódense adquirir en Woutick! a un prezo de 11 euros.

O concerto comezará ás 21:15 coa intervención de D'Cronners Band para comezar ao máximo nivel. Poderase acceder ao recinto a partir das 20:30.

Cuntis será o escenario dun dos destinos da xira "Cómplices Íntimos", na que Teo Cardalda e María Monsonís prometen exclusividade e emoción, retomando vellas cancións características do pop español para conectar co público.

O alcalde, Manuel Campos, anima a asistir a este acontecemento único que combina gastronomía, tradición e cultura. Ademais, agarda un bo recibimento grazas ao nivel dos artistas.

"Queremos que Cuntis sexa o epicentro da festa e a cultura este febreiro, e este concerto é a escusa perfecta para vir, desfrutar da nosa hospitalidade e da nosa gastronomía" garantiu o alcalde.

Finalmente, define febreiro como o "mes máxico" para o municipio, pois se festexarán o TapaLacón, o Entroido e a aclamada Festa do Lacón con Grelos con ese concerto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora