A compañía Yllana volve ao escenarios do Pazo da Cultura cun espectáculo moi especial onde repasan o seu primeiro cuarto de século sobre o escenario cos seus mellores sketches e os gags máis divertidos. Será o sábado 7 ás 21 horas coas entradas a partir de 20 euros.
A compañía Yllana intégrana Marcos Ottone, Juan Ramos, Joe O´Curneen, Fidel Fernández e David Ottone. Nesta ocasión, os intérpretes son Fidel Fernández, Juan Ramos, Luis Cao, Juanfran Dorado e Jony Elías. Yllana 25 é a suma do traballo de moitas mentes creativas que, desde os comezos, foron facendo as súas contribucións aos espectáculos da compañía.
"Queremos dar as grazas a todos os artistas e equipo técnico que colaboran ou colaboraron connosco nalgún momento", afirman.
Yllana é creatividade. Creada en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, na actualidade diversificou a súa actividade no mundo das artes escénicas e audiovisuais. A súa aposta céntrase, aínda que non exclusivamente, nun humor sen palabras, irónico e interactivo, buscando no público a máis libre das gargalladas. Un humor universal que soubo chegar a multitude de escenarios por todo o mundo.
Desde o seu xenial encontro coa escena, Yllana produciu 25 espectáculos, entre os que cabe destacar: Muu!, Glub Glub, Star Trip, Los Mejores Sketches de Monty Python, Pagagnini, Brokers e Zoo, que se representaron en 44 países e foron vistos por preto de dous millóns de espectadores. No 2016 celebraron as súas vodas de prata co público.
Pola súa traxectoria, Yllana recibiu galardóns como o Outsanding Unique Theatrical Event por 666 no Fringe Festival de Nova York ou o premio ao Mellor Spectacle Étranger en 1993 do Festival Printemps des Courges de Toulouse (Francia). Dende 1996 xestiona o Teatro Alfil de Madrid.