O mellor de Yllana xunto nun único espectáculo. É a proposta da que gozou este sábado o público pontevedrés. Tras dúas sesións en Vigo, o Pazo da Cultura de Pontevedra recibía a esta compañía que co seu show Yllana 25 está a xirar por toda España para celebrar o seu vixésimo quinto aniversario.
Centos de persoas gozaron con este espectáculo da compañía, formada nesta ocasión por Fidel Fernández, Juan Ramos, Luís Cao, Juanfran Dourado e Jony Elías.
Nel, Yllana repasou o seu cuarto de século sobre o escenario cos seus mellores sketches e os gags máis divertidos de todas as montaxes que realizaron durante todo este tempo.
En Pontevedra, a compañía puido despregar sobre o escenario o seu humor sen palabras, irónico e interactivo, buscando no público unha continua gargallada.
Yllana 25 formaba parte do ciclo Summum, cuxa próxima cita co público pontevedrés será o 22 de outubro co espectáculo Menú da noite, protagonizado por Carlos Blanco e Luís Davila.