O 'crack' da plataforma Wegow, especializada na venda de entradas para festivais e concertos, sacudiu o mundo da música, deixando nunha situación moi delicada a numerosas bandas e artistas cos que a compañía arrastra grandes débedas.
Tras entrar en preconcurso de acredores, a billeteira deixou bloqueado o diñeiro das entradas vendidas para as xiras que moitos destes artistas fixeron nos últimos meses ou que ían iniciar agora no verán, a época de maior facturación para eles.
Isto non afecta ao público, xa que as entradas adquiridas para eses concertos seguirán sendo válidas, pero grupos como La M.O.D.A., Veintuno, Shinova ou Bombai xa fixeron pública a súa preocupación por esta situación e estudan como recuperar o seu diñeiro.
Entre os afectados atópase tamén a pontevedresa Yoly Saa, que a través das súas redes sociais explicou que "moi probablemente", debido á quebra técnica de Wegow, "non cobraremos nin os bolos que nos debe nin os que quedan por dar".
Nesta situación, relata a artista, ela e o seu equipo deben asumir todos os gastos que xeran as súas actuacións sen recibir nada a cambio.
Despois de dous anos traballando no seu novo disco, Yoly Saa confirma que a pesar de todo a xira seguirá como estaba prevista porque "de peores saímos" e reitera que "merece a pena saír á estrada aínda en momentos como estes".
"Merecédesvos o 100% da nosa disposición para facer o que viñemos a facer, que non é outra cousa que música", subliña a cantautora pontevedresa.
Desde que publicou esta mensaxe nas súas redes sociais, os seus seguidores organizáronse e interesáronse na forma na que poden axudar a paliar esta situación económica.
A propia Yoly Saa respondeulles explicando que "todas as entradas que se vendan a partir de agora vainos a salvar un pouco das perdas xigantes que vai supor isto".