10 de maio, nova cita coa BTTroita de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
07 de marzo 2015

Técnicos municipais e responsables da empresa GlobalDxT ultiman xa os preparativos da II edición da ruta de bici de montaña BTTroita, que se celebrará en Ponte Caldelas o domingo 10 de maio. Nela, espérase superar a cifra do medio millar de participantes do pasado ano

Primeira edición da ruta BTTroita en Ponte Caldelas
Primeira edición da ruta BTTroita en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Técnicos municipais e responsables da empresa GlobalDxT ultiman xa os preparativos da II edición da ruta de bici de montaña BTTroita, que se celebrará en Ponte Caldelas o domingo 10 de maio. Nela, espérase superar a cifra do medio millar de participantes do pasado ano.

Os organizadores pretenden adaptar o circuíto ás necesidades e suxestións realizadas polos participantes na edición inaugural, para o cal se levarán a cabo labores de limpeza e acondicionamento de pistas, sinalización e levantamento topográfico dos tramos polos que discorrerá a segunda edición da BTTroita.

A ruta deseñada o pasado ano constou cun percorrido de dificultade física e técnica media, cunha distancia de 39 quilómetros, que podía acurtarse a 33 a través de distintas opcións que ofrecía a organización.

Nesta segunda edición, ao igual que sucedese na inaugural, está previsto que se habiliten zona de duchas, lavado de bicicletas, avituallamentos sólido/líquido e zona de aparcadoiro.

A celebración desta proba persegue fomentar o uso e desfrute da bicicleta de montaña e, ao igual que o pasado ano, estará aberta a todos os afeccionados a esta. A intención tanto do Concello de Ponte Caldelas coma da organización é que se poida gozar das marabillosas paraxes que ofrece o ámbito natural do municipio, nun ambiente deportivo e de compañeirismo.

Esta proba deportiva enmárcase dentro das actividades de promoción e desfrute da popular Festa da Troita que este ano terá lugar a fin de semana do 30 e 31 de maio en ponte Caldelas.