Preto de medio milleiro de ciclistas tomaron a saída a primeira hora do domingo na segunda edición da Ruta BTTroita.
Os arredores da Alameda de Ponte Caldelas enchéronse de deportistas para gozar dunha proba non competitiva que se consolida no calendario como aperitivo á popular Festa da Troita.
Malia un leve incidente antes da saída, coa caída dun ciclista que tivo que ser evacuado, a BTTroita desenvolveuse con normalidade, con dúas opcións de percorrido de 40 e 32 quilómetros respectivamente.
Tamén os máis pequenos gozaron da Mini BTTroita, cunha percorrido de só tres quilómetros.
Ao finalizar os participantes puideron recibir masaxes gratuítas dentro dos servizos ofertados pola organización, que corría a cargo de Global DxT, A Roda do Demo e o Concello de Ponte Caldelas.
A proba contaba ademais cun carácter solidario en forma de axuda económica para a loita contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).