O 19 de outubro, cita ineludible cun Medio Maratón de Pontevedra que cumpre 30 anos

Pontevedra
06 de setembro 2025

Desde o club que organiza esta histórica cita deportiva, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra afirman que xa hai máis dun milleiro de atletas inscritos para participar

XXIX Medio Maratón de Pontevedra
XXIX Medio Maratón de Pontevedra / Cristina Saiz

O Medio Maratón de Pontevedra xa ten data para celebrar unha das súas edicións máis especiais. O próximo 19 de outubro celebrará o seu trixésimo aniversario.

Desde o club que organiza esta histórica cita deportiva, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra afirman que xa hai máis dun milleiro de atletas inscritos para participar.

En concreto, hai máis de 400 rexistrados na distancia curta, os 1 quilómetros, e máis de 650, na longa, no medio maratón de 21 quilómetros.

Debido á configuración urbana de Pontevedra e as características da propia proba, o aforamento é limitado. O máximo serán 600 persoas na distancia curta e 1.200 para o medio maratón.

A carreira dos 10 quilómetros comezará ás 10:30 horas e a do medio maratón, ás 11:00.

Entre os inscritos, segundo desvela a Gimnástica, atópase Ismael Allagui (Vicky Foods Athletics), un atleta cunhas mellores marcas persoais de 30:53 no dez quilómetros.

Tamén están apuntados xa medallistas doutras edicións como Cora Saburido. Quedou segunda nos 10 quilómetros hai catro anos e terceira fai tres. Nesta ocasión cambiará de distancia e atreverase co medio maratón.

As inscricións, por agora custan 21 euros no caso do medio maratón e de 10 euros nos 10 quilómetros. Na categoría de menores, o prezo é de tan só 1 euro.

A organización explica que, por segundo ano consecutivo, haberá un servizo de autobuses a 3 euros. Un autobús percorrerá A Coruña e Santiago e o outro que irá por Ourense e Vigo.