200 entradas gratis para animar a encher Pasarón contra o Oviedo B

Pontevedra
20 de maio 2021

A empresa Sanifax, ligada a unha peña afincada en Madrid, adquire 200 entradas para regalar a mozos afeccionados a cambio de que animen ao conxunto granate no último e decisivo partido da tempada, no que precisan puntuar para certificar a súa permanencia na 2ª RFEF.

Partido entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón / Cristina Saiz

A parroquia granate é consciente de que o partido do domingo é transcendental. A desilusión, frustración e enfado por unha tempada errada debe quedar ao carón e toda a afección do Pontevedra ten que achegar o seu gran de area no decisivo duelo contra o Oviedo B para conseguir os tres puntos e evitar o descenso a 3ª RFEF.

Iso deberon de pensar na empresa Sanifax, ligada a unha peña do club fincada en Madrid que preside o xornalista Miguel Ángel Martín e ten como vicepresidente ao médico Bartolomeu Beltrán. A firma adquiriu 200 entradas para regalalas aos primeiros 200 afeccionados de entre 18 e 28 anos para que "animen a lume de biqueira ao Pontevedra e axudarlle a lograr a continuidade en Segunda RFEF".

Os interesados en adquirir un destes pases deben solicitalos nas oficinas do club en Pasarón antes do sábado no horario comprendido entre as 9 e 14 e entre as 16 e as 19 horas co único requisito de presentar o seu DNI e estar entre os 18 e 28 anos.

Non é a única promoción dispoñible para este choque tan importante. O club puxo á venda entradas a 5 euros para todas as bancadas ata completar o aforo de 3.000 espectadores. Ademais, os menores de 18 anos poderán entrar gratis, pero sempre solicitando a súa invitación e presentando o seu DNI para cumprir coas medidas sanitarias.

A iniciativa do club e o convencemento da cidadanía da necesidade de conseguir o triunfo para evitar que o club se suma nunha grave crise está a dar os seus froitos porque o goteo de afeccionados cara ás oficinas do Pontevedra durante esta semana está a ser constante e o domingo Pasarón volverá lucir unha boa entrada a pesar da limitación de aforo.