O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó é o escenario este sábado 5 de xullo do II Internacional APECR-Concello de Poio, unha competición que nesta edición bate todas as expectativas de participación ao reunir a máis de 230 xadrecistas, superando amplamente as cifras da edición de 2024.
O torneo, que se desenvolverá durante toda a xornada, converteuse nun dos eventos máis destacados do calendario xadrecístico galego, atraendo a participantes de toda a comunidade, incluíndo representantes de prestixiosos clubs como Fontecarmoa ou Xadrez Mos, e contando incluso con algún xogador internacional.
Entre os participantes atópanse tamén dez residentes en Poio que defenderán as cores locais.
Un dos aspectos máis salientables desta competición é o seu carácter inclusivo. A organización disporá de material adaptado para xogadores con discapacidade visual para xogar co resto de participantes.
Ademais, o evento está aberto a toda a cidadanía sen límite de idade, destacando especialmente a notable presenza de menores, con máis de 70 inscritos.
O Internacional de Xadrez APECR 2025, que conta co recoñecemento oficial da Federación Galega de Xadrez e é válido para ELO FIDE de ritmo rápido, desenvolverase mediante un sistema suízo de 9 roldas, con partidas a un ritmo de 10 minutos máis 5 segundos de incremento por xogada.
A competición dividirase en dúas sesións: catro roldas pola mañá e cinco pola tarde.
Os participantes competirán en diversas categorías: absoluta, feminina, Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Local, cun premio total que supera os 400 euros.
Este torneo xurdiu en 2024 da colaboración entre tres entusiastas do xadrez -Dan Cruz, Luís Fraga e Pablo García- e o Concello de Poio, para recuperar e actualizar o Open Concello de Poio que se celebraba a principios dos anos 2000, un importante torneo internacional de nove días que formaba parte do Circuíto Galego.
A competición rende homenaxe a Alberto Eyo Castro-Rial, un mozo moi querido na comunidade xadrecística galega, con fortes vínculos con Poio e Raxó, que faleceu en 2024. As iniciais do seu nome (APECR) permanecen no título do torneo como recordo permanente da súa figura.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.