Conta atrás para a celebración da XXV edición do Medio Maratón de Pontevedra marcada pola covid.
Unha vez pechado o prazo de inscrición (limitado a 300 participantes), o domingo 18 de outubro un total de 240 corredores concentraranse na rúa José Malvar para disputar a que será a "proba piloto" e así testar o protocolo de eventos deportivos ao aire libre en Galicia.
É por iso que, adaptándose á situación sanitaria cun exhaustivo protocolo de prevención, o Medio Maratón de Pontevedra fixou a saída de dúas en dúas por parte dos atletas e cada 15 segundos, para limitar así o contacto con outros participantes.
Así mesmo, habilitouse un novo percorrido para evitar o paso polo centro da cidade, xa que se reduciu notablemente a participación. Por iso, nesta ocasión a carreira dará comezo na rúa José Malvar ás 9.00 horas do domingo 18 de outubro desenvolvéndose en dúas voltas de 10,5 quilómetros nun circuíto que pasará pola zona da Illa das Esculturas e o campus universitario.