40 taekwondistas pontevedreses, recoñecidos polos seus éxitos no Campionato de España

Pontevedra
21 de febreiro 2023

A Federación Galega de Taekwondo e os taekwondistas da provincia de Pontevedra foron felicitados este martes na Deputación pola súa actuación no Campionato de España celebrado a pasada fin de semana 

Acto de recepción dos taekwondistas pontevedreses
Acto de recepción dos taekwondistas pontevedreses

Os deportistas da provincia de Pontevedra que participaron no Campionato de España de Taekwondo a pasada fin de semana asistiron este martes a un acto organizado pola Deputación de Pontevedra no que se lles recoñeceron os éxitos acadados na competición. Cinco deportistas pontevedreses contribuíron ao medalleiro galego conseguindo dúas pratas e tres bronces.

O acto tivo lugar no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra coa participación de Gorka Gómez, deputado de Deportes, e Noelia Pérez, vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo. 

Gómez enxalzou o labor da Federación, dos clubs, das familias e dos deportistas que co seu esforzo están a acadar todos estes éxitos e destacou que actos como o de hoxe buscan "visibilizar" desde a Administración provincial o relevante papel que están a ter os deportistas desta disciplina, "que non sempre ocupan o espazo mediático que merecen".

O deputado, en relación ao apoio económico que se cede dende a Administración, incidiu en que "os recursos públicos son finitos" e tamén asegurou que é consciente de que os clubes non teñen as infraestruturas necesarias para mellorar todo o que lles gustaría. 

Pola súa banda, Noelia Pérez agradeceu o acto de recoñecemento e indicou que "xa botaba en falta unha reunión de taekwondistas". Agradeceu "que se vexa que somos unha gran potencia" e mencionou que o taekwondo "é unha das disciplinas con máis deportistas DepoDan e DepoPromesa na provincia, xunto aos deportes náuticos", que son as bolsas que ofrece a Deputación de Pontevedra. Respecto ás axudas públicas fixo fincapé en que "son moi importantes xa que no deporte de alta competición cada vez temos máis gastos". 

Para finalizar o acto, o deputado agradeceu tamén a labor das empresas privadas vinculadas ao deporte.