Un total de 450 persoas inscribíronse para participar este ano na carreira pedestre do Santiaguiño do Burgo. ÿ unha das citas clásicas do atletismo popular pontevedrés. Chega á súa decimo oitava edición e por vez primeira inclúese no calendario do Circuíto de Carreiras Populares (CCCP) de Pontevedra. A proba está organizada polo Instituto Municipal de Deportes e a Asociación Santiago Peregrino do Burgo e nela colabora a Sociedad Gimnástica.
Entre eles están 16 atletas que fixeron constar a súa condición de desempregados. Como sucede en todas as probas do circuíto esta circunstancia supón a devolución do prezo de inscrición, medida social na que Pontevedra é pioneira, sinalou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. Con todo recorda que o prezo de todo o circuíto é de 35 euros, unha tarifa moi competitiva e que permite participar en seis probas repartidas ao longo de todo o ano.
A carreira popular do Santiaguiño do Burgo estreará este ano un percorrido de 6,1 quilómetros con saída e chegada na ponte do Burgo, case totalmente plano. O trazado é mixto (asfalto, terra e herba) e aposta por espazos de riqueza natural como ao Xunqueira de Alba e as beiras do río Rons. Haberá servizo de duchas no Pavillón Municipal dos Deportes.
Ás once da mañá darase a saída da proba desde a Ponte do Burgo. Pero antes, xa desde as dez terán lugar as probas para os menores de idade, desde os máis novos aos xuvenís. Os que se queiran apuntar a estas últimas poderán facelo ata o mesmo día da carreira.
A recollida de dorsais pode facerse no Pavillón o xoves, 24, en horario de 11 a 13 horas e de 17 a 20 horas; e o mesmo venres, día 25, de 8.30 a 10.30 horas. Os competidores na liga do CCCP deben prender o dorsal vermello válido para as seis probas do calendario.
O Instituto Municipal de Deportes (IMD) advirte que van ser estritos no control de carreira, evitando a participación de corredores sen dorsal. Lembran ademais que este tipo de participantes, ademais de xerar problemas de organización, non están cubertos polo seguro da proba.