50 equipos e preto de 600 xogadores para un Torneo de Reis do Leis Pontevedra que non deixa de crecer

Pontevedra
02 de xaneiro 2017

A cuarta edición do torneo de base organizado polo Leis Pontevedra disputarase os días 3 e 4 de xaneiro no Pavillón Municipal, Multiusos e A Xunqueira II. O seu crecemento fai ao club pensar en novas fórmulas de competición para o próximo ano

Presentación do IV Torneo de Reis do Leis Pontevedra
Presentación do IV Torneo de Reis do Leis Pontevedra / PontevedraViva

Empeza a ser unha cita tradicional nos primeiros días de cada ano. De feito, na que é a súa cuarta edición espertou o interese de clubs de fóra de Galicia, pero de momento mantense no ámbito exclusivamente autonómico.

O Torneo de Reis de fútbol sala organizado polo Leis Pontevedra reunirá os días 3 e 4 de xaneiro a preto de 600 xogadores de base e un total de 50 equipos nas diferentes categorías, desde a prebenxamín ata a xuvenil.

A competición desenvolverase cun calendario intensivo nos pavillóns Municipal, Multiusos e da Xunqueira II.

"Es el torneo más importante que organiza el club cada temporada", recoñece o director deportivo do Leis, Sergio García. Unha competición que ten como obxectivos "promocionar y difundir nuestro deporte y crear nexos de unión entre los jugadores".

En total disputaranse 144 partidos en só dous días, un crecemento que fai pensar ao Leis en novas fórmulas para o próximo ano, coa intención de abrir o torneo a ámbito nacional, como sería a creación dunha fase previa que se xogaría durante o mes de decembro.