700 deportistas teñen cita esta fin de semana no Pavillón coa Liga Nacional de Kárate

Pontevedra
25 de setembro 2025

Celébrase a II fase da competición nacional con participantes de todas as categorías con probas masculinas durante a xornada do sábado e femininas o domingo.

Presentación da II fase da Liga Nacional de Kárate
Presentación da II fase da Liga Nacional de Kárate / Cristina Saiz

Pontevedra é a sede de acollida da II fase da Liga Nacional de Kárate, que terá lugar o sábado 27 e o domingo 28 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes.

A competición, que conta coa participación de máis de 700 deportistas de todo o Estado nas categorías cadete e sénior, foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra.

Anabel Gulías, concelleira de Deportes do Concello de Pontevedra, destacou a honra que supón para a cidade acoller este tipo de eventos deportivos de ámbito nacional. "É un orgullo anunciar que este campionato conta co apoio de institucións como a Deputación, a Xunta e patrocinadores privados. A consecución destes fitos non é casualidade, senón que a área de deportes, con Jaime Agulló como xefe de servizo, estamos traballando desde hai anos neste campo", sinalou Gulías.

Pola súa banda, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, subliñou a importancia do apoio institucional ao deporte. "Todas as institucións públicas apoian sempre o deporte. É motivo de congratulación a importancia do deporte entre os máis novos e que veñan familias aquí con motivo deste campionato", afirmou.

Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, mostrou o seu entusiasmo pola celebración do evento na cidade: "Estou orgulloso co que sucede aquí porque penso que non é posible facelo noutro sitio. Estaremos desfrutando das máis de 700 persoas que acompañan e veñen" facendo relación a familias e acompañantes que virán cos deportistas.

Óscar Lafuente, presidente da Federación Galega de Kárate, explicou que desde a súa chegada á presidencia organizáronse máis dunha ducia de grandes competicións en Galicia, fronte ás tres que se realizaran nos 15 anos anteriores.

"Agradezo sempre a colaboración que encontro nas administracións de Pontevedra", sinalou Lafuente, quen tamén destacou que as finais de categoría absoluta (deportistas maiores de 18 anos) terán lugar o sábado ás 19:00 horas e o domingo ás 14:30 horas.

A competición desenvolverase ao longo de dous días: o sábado celebrarase a competición masculina e o domingo a feminina. Cabe destacar que a karateca galega Ruth Lorenzo non poderá asistir a esta edición ao ter que acudir á liga mundial, xa que viaxa o domingo e sería moi apretado o horario para participar na competición en Pontevedra.