A afección do Pontevedra 'revive' o ascenso a Segunda de 2004

Pontevedra
11 de abril 2020

A segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2) redifundiu este sábado o histórico partido do Pontevedra ante o Lorca do ano 2004, que supuxo o último ascenso dos granates á Segunda División, e foron moitos afeccionados os que se apuntaron a vivir de novo o máxico momento sobre todo a través das redes sociais

Alejandro Vázquez e Martín Ragg celebran o ascenso do Pontevedra a 2ª en 2004 PontevedraViva

Que mellor para pasar o confinamento que lembrar algún dos momentos máis brillantes da historia recente do Pontevedra Club de Fútbol. É o que fixeron este sábado moitos afeccionados grazas á iniciativa da Televisión de Galicia, que na súa segunda canle refundiu o partido do 27 de xuño de 2004 ante o Lorca, que supuxo o por agora último ascenso granate á Segunda División.

Foron os propios afeccionados os que cos seus votos, nunha enquisa do programa En Xogo, decidiron que encontro antigo do Pontevedra ver, e as redes sociais non foron alleas á particular efeméride.

Xa desde unhas horas antes das 18;00 da tarde, hora do partido, e aproveitando as imaxes daquel día da canle pública autonómica, en Twitter comezaron a aparecen escenas como a que compartiu a conta de seguidores @PontevedraCF, como o ambiente previo na Praza da Verdura, os arredores do vello  Pasarón ou nos bares da cidade.

Xa no estadio, os miles de rolos de papel hixiénico e as manobras para tentar atrasar o inicio do partido (para coñecer o resultado dos rivais), foron protagonistas, tal e como lembraron os seguidores.

Contas como a citada de @PontevedraCF ou @PontevedraHQR realizaron ademais o minuto a minuto do encontro, coma se producísese en directo, ata chegar ao momento culmen co primeiro tanto do partido, xa na segunda metade, co lembrado 'gol do papel hixiénico' co coruñés Xaco como executor.

Despois chegarían os dous goles de Javi Rodríguez para redondear a festa e a tarde soñada polos afeccionados do Pontevedra, que 28 anos despois volvían verse na Segunda División.

O partido terminou cunha multitudinaria invasión de campo, que daba paso á festa primeiro no propio campo e no vestiario, como recolleron as cámaras da TVG e lembrou xusto antes da redifusión a conta de En Xogo, e despois polas rúas da cidade, nunha xornada de xúbilo colectivo difícil de esquecer para os pontevedreses.