A afección pontevedresa prepara o seu desembarco en Ponferrada

Pontevedra
26 de febreiro 2019

O Pontevedra Club de Fútbol anunciou a organización dunha viaxe en autocar para que os seus seguidores poidan animar ao equipo no importante duelo do próximo domingo 3 de marzo no campo da Ponferradina

Afección do Pontevedra durante o partido ante o Fuenlabrada en Pasarón
Afección do Pontevedra durante o partido ante o Fuenlabrada en Pasarón / Diego Torrado

O bo momento en liga, con dúas vitorias consecutivas que colocaron ao equipo a un só punto do play-off, e sobre todo a gran imaxe dada ante un claro favorito ao primeiro posto como o Fuenlabrada, elevou a moral non só do primeiro persoal do Pontevedra Club de Fútbol, senón da súa afección.

A cifra de asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón aumentou notablemente na última xornada, ata os preto de 4.000 espectadores, e aínda que desde a entidade confían en enganchar definitivamente aos seus seguidores no decisivo tramo final do campionato, agora toca pensar nun desprazamento que pode resultar clave.

O Pontevedra visitará o vindeiro domingo 3 de marzo (17:00 horas) á Sociedad Deportiva Ponferradina no Estadio Municipal de El Toralín, unha cita que enfrontará a dous equipos separados por un só punto na táboa (43 os granates e 42 o cadro berciano) e que reforzará notablemente ao vencedor na pelexa pola fase de ascenso.

Ante a importancia dos tres puntos en xogo, a afección pontevedresa pensa xa en desembarcar en Ponferrada, xa sexa en coches particulares ou na viaxe organizada que este luns anunciou o club da Boa Vila.

Este desprazamento impulsado polo Pontevedra terá un custo de 25 euros por persoa (entrada incluída), podendo anotarse durante a semana nas oficinas de Pasarón de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Pola súa banda as entradas para o choque foron fixadas pola Ponferradina en 15 euros nos fondos, 20 euros en Preferencia e 25 euros na bancada de Tribuna.