A arxilista Rosinha Duarte, convocada pola Selección Portuguesa

Pontevedra
10 de novembro 2015

O equipo pontevedrés perderá á ala-pívot lusa para o encontro ante o ADBA Avilés do próximo 21 de novembro, ao coincidir a data co primeiro dos dous partidos internacionais que afrontará con Portugal correspondentes á fase de clasificación do próximo Europeo

Rosinha Duarte durante o partido entre Arxil e Tenerife
Rosinha Duarte durante o partido entre Arxil e Tenerife / Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil perderá durante 12 días a unha das xogadoras fichadas este ano para marcar a diferenza na cancha, a portuguesa Rosinha Duarte.

A ala-pívot foi convocada pola selección lusa para o inicio da fase de clasificación do próximo Europeo, no que deberá afrontar dous encontros.

Debido á convocatoria Duarte perderá o partido de Liga Feminina 2 que o Arxil xogará o 21 de novembro ante o ADBA Avilés, ao coincidir co primeiro dos choques internacionais coa súa selección.

A xogadora arxilista, que marchará tras o choque do próximo sábado 14 (19:30 horas) no CGTD ante o Universidad de Oviedo, afrontará co combinado nacional dous compromisos, o 21 de novembro en Eslovaquia e o día 25 en Portugal ante Hungría.

Polo momento, no que vai de tempada oficial, Rosinha Duarte promedia 6,7 puntos e 7,8 rebotes por partido coa camisola verde.