A Asemblea da Federación Galega de Fútbol valida o fin das competicións aplicando a clasificación ao 14 de marzo

Pontevedra
24 de maio 2020

As competicións de Fútbol 8, Fútbol 7, alevín Fútbol 11, a infantil feminina de Fútbol 11 e as benxamíns, prebenxamíns e biberóns de fútbol sala finalizarán tal e como quedaron o 14 de marzo, mentres que para o resto de competicións (Fútbol 11 e Fútbol sala), a Comisión Delegada reunirase o martes para fixar os efectos clasificatorios

Partido de liga entre Pontevedra B e Céltiga na Xunqueira
Partido de liga entre Pontevedra B e Céltiga na Xunqueira / Diego Torrado

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) decidiu dar por finalizadas todas as competicións aplicando a clasificación ao 14 de marzo, momento no que se decretou o estado de alarma.

Así o trasladou a RFGF despois de consultar por escrito aos 151 asembleístas, dos cales votaron xa 147 a falta de dous días de prazo para dar por pechada a votación, o que supón un dato de participación do 98%.

En canto ao resultado das votacións, o 95% dos asembleístas votaron a favor da proposta presentada pola RFGF, a cal dá continuidade á aprobada pola Federación Española. 

Desta maneira, daranse por finalizadas todas as competicións sen descensos e habilitarán á Comisión Delegada para establecer os criterios clasificatorios que determinarán os equipos ascendidos en cada categoría e decidirán tamén sobre os ascensos e descensos dos árbitros.

As competicións de Fútbol 8, Fútbol 7, alevín Fútbol 11, a infantil feminina de Fútbol 11 e as benxamíns, prebenxamíns e biberóns de fútbol sala finalizarán tal e como quedaron o 14 de marzo, mentres que para o resto de competicións (Fútbol 11 e Fútbol sala), a Comisión Delegada reunirase o martes ás 20:00 horas para fixar os efectos clasificatorios, e o Comité de Competición resolverá o mércores os equipos que ascenden.