A Federación Galega fai oficial o ascenso do Ribadumia a Terceira e do Umia, a Preferente

Pontevedra
27 de maio 2020

A crise sanitaria obriga a dar por finalizadas as ligas do fútbol galego con ascensos pero sen descensos e obrigará á Federación  Galega de Fútbol a reaxustar grupos e calendarios para a próxima tempada

Reunión telemática da Comisión Delegada da Real Federación Galega de Fútbol para dar por finalizadas as ligas galegas
Reunión telemática da Comisión Delegada da Real Federación Galega de Fútbol para dar por finalizadas as ligas galegas / Federación Galega de Fútbol

É oficial, a tempada futbolística do fútbol galego está terminada. A Comisión Delegada da Real Federación Galega deu validez ás clasificacións do momento no que o estalido da pandemia do coronavirus obrigou a paralizar as competicións e outorgou os saltos de categoría á aqueles equipos que ocupaban postos de ascenso.

Nas comarcas de Pontevedra e Arousa, os principais beneficiados desta decisión, que este mércores ratificou o Comité de Competición, son Ribadumia e Umia, que dominaban os seus grupos de Preferente e Primeira Galicia respectivamente.

Os ascendidos a Terceira División son Viveiro e Fisterra, do grupo norte de Preferente; así como Ribadumia e Atios, do grupo Sur. Ademais do Umia, neste último grupo estarán o próximo curso o Caselas e o Verín.

Dado que a actual situación sanitaria impide a disputa en condicións de seguridade dos  playoff de ascenso. A Federación  Galega acordou outorgar estas prazas aos mellor clasificados de cada categoría en función do número de puntos ou criterios de deportividade tal e como establece o regulamento. Ademais, só poderá ascender un equipo por cada categoría segundo este criterio.

Con esta premisa, do grupo de Pontevedra-Vigo de Primeira Galicia, o Alertanavia é o que promociona a Preferente.

Os ascensos desde Segunda Galicia son para A Lama e San Adrián, mentres que desde Terceira División soben Monte Porreiro, Soutomaior, Catoira, Caldas e Sporting Libertad, que por ser o mellor clasificado promociona sen ter que disputar a fase de ascenso.

É preciso lembrar que, dado que as ligas terminaron de forma abrupta, a Federación Galega acordou suspender os descensos, polo que a próxima tempada algunhas ligas verán incrementado o número de participantes. Un feito que obrigará aos organizadores da competición para axustar calendarios ou, se é necesario, crear novos subgrupos.

No fútbol feminino, o SD Chispa ascende á Primeira División Galega, á que tamén promocionan Aguiño, Lugo e Tordoia. O salto desde a Primeira Galega á Segunda Nacional é para o Mos.