A Asociación de Peñas freta tres autobuses para a 'final' ante o Dorneda

Pontevedra
05 de maio 2014

O prezo destes é de 12 euros, incluíndo a entrada para o partido. A saída está programada para as 15:00 horas do domingo dende o Pavillón Muncipal dos Deportes

Aspecto dos arredores de Pasarón antes de comezar o Pontevedra-Somozas da tempada 13/14
Aspecto dos arredores de Pasarón antes de comezar o Pontevedra-Somozas da tempada 13/14 / Diego Torrado

O Pontevedra Club de Fútbol non estará só no último partido da liga regular en Oleiros, no que se xoga finalizar na primeira posición despois de situarse no liderado tras dobregar o Somozas en Pasarón.

Os granates teñen na súa man o campionato se logran vencer ao Dorneda pero en caso de derrota poden quedarse tamén sen play-off de ascenso, pois o quinto clasificado, As Pontes, está a só dous puntos do bloque lerezano.

Por ese motivo a Asociación de Peñas do Pontevedra prepara xa o desprazamento para acompañar o equipo en tan importante cita.

Grazas ao apoio de varias empresas, a viaxe e a entrada custará un total de 12 euros nos tres autocares que se poñerán a disposición dos afeccionados e que partirán ás 15:00 horas do mesmo domingo dende o Pavillón Municipal dos Deportes.

Todos os interesados poden anotarse na cafetaría Blossom (rúa Marquesa) de 18:00 a 20:30 horas ata o próximo venres.