A aventura europea do Monte Porreiro continúa e xogará a Europa Trophy Cup

Pontevedra
25 de setembro 2023

O club pontevedrés disputou esta fin de semana en Holanda a fase de grupos da Europe Cup, na que é a segunda participación continental da súa historia, logrando un segundo posto a que lle permite seguir adiante en competición europea

Equipo do Tenis de Mesa Monte Porreiro na fase de grupos da ETTU Europe Cup en Países Baixos
Equipo do Tenis de Mesa Monte Porreiro na fase de grupos da ETTU Europe Cup en Países Baixos

A aventura europea do Tenis de Mesa Monte Porreiro segue viva.

O club pontevedrés, na segunda participación continental da súa historia, afrontou a fin de semana en Países Baixos a fase de grupos da ETTU Europe Cup, segunda competición europea en importancia, e fíxoo deixando grandes sensacións.

O visit Pontevedra impúxose no seu primeiro enfrontamento ao MITT de Malta por 3-0, un resultado vital e que garantía un posto como segundo de grupo na Europa Trophy Cup.

Xa sen nada que perder, o Monte Porreiro pechou a súa presenza en Países Baixos fronte ao anfitrión De Boer Taverzo, ante o que a pesar de tentar plantar batalla terminou cedendo por 0-3.

Desta forma o De Boer Taverzo segue adiante na Europe Cup, mentres que a experiencia continental dos pontevedreses deberá continuar na Trophy Cup, un novo reto e ilusión para a tempada que acaba de comezar.

"Volvemos a casa con boas sensacións despois desta primeira rolda. Tivemos unha efectividade do 50% e ao quedar segundos de grupo continuamos en competición europea", sinalaron desde o club satisfeitos da imaxe dada na súa segunda participación continental.