Defensa do liderado do TM Monte Porreiro cunha contundente vitoria fronte ao Collado Mediano (4-0)

Pontevedra
16 de outubro 2023

O club pontevedrés segue contando os seus enfrontamentos por triunfos na Superdivisión masculina do tenis de mesa nacional, o que lle mantén no liderado da competición despois das tres primeiras xornadas

Martín Betancor, no enfrontamento de Superdivisión entre Monte Porreiro e Collado Mediano
Martín Betancor, no enfrontamento de Superdivisión entre Monte Porreiro e Collado Mediano

O Tenis de Mesa Monte Porreiro segue contando os seus enfrontamentos por triunfos na Superdivisión masculina do tenis de mesa nacional, o que lle permite manter polo menos unha semana máis no liderado na máxima categoría despois das tres primeiras xornadas.

O club pontevedrés recibía o domingo en Príncipe Felipe o Collado Mediano TM, no seu primeiro atopo na casa da liga, e a imaxe non puido ser máis positiva.

Os de Nando Álvarez superaron con contundencia ao seu rival (4-0) para quedar cos puntos en xogo. Fíxoo ademais cedendo un único set no enfrontamento, no partido que pechaba o choque entre André Silva e Juan Pedro Sánchez (3-1).

Antes o propio Da Silva así como Miguel Ángel Vílchez e Martín Betancor pecharan os seus respectivos partidos por 3-0, sen dar opción ao seu rival e confirmando o momento doce que vive o Visit Pontevedra.

Líder en solitario da Superdivisión, o próximo obstáculo no camiño do Monte Porreiro será o próximo 26 de outubro a visita ao terceiro clasificado, L'Escala.