Tres derrotas consecutivas e catro xornadas sen gañar acumulaba o Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión, acusando as últimas semanas a ausencia de Nico Galvano por unha grave lesión, pero a serie negativa chegou ao seu fin este domingo cun traballado triunfo fronte ao CTT Olot no pavillón de Príncipe Felipe.
Fíxoo remontando un resultado que se lle puxo moi complicado tras levar o conxunto visitante os dous primeiros puntos en xogo, superando Diogo Pinha e Diogo Martins os locais Miguel Ángel Vílchez e André Silva respectivamente.
Con todo, en lugar de vir abaixo, o Visit Pontevedra mantívose en pé e resistiu primeiro co seu primeiro punto por medio de Martín Betancor, ao vencer a Arnau Pons, e despois logrando a igualada nun partido tremendamente competido entre André Silva e Diego Pinho.
Con 2-2 no marcador, o Tenis de Mesa Monte Porreiro asegurou canto menos o empate coa vitoria de Vílchez sobre Arnau Pons, pero faltaba a puntilla, e esa deuna Martín Betancor nun duelo a cinco mangas con Dioso Martins que se decidiu na última cun emocionante 13-11.
Triunfo por tanto traballado e celebrado polos pontevedreses, que o pasado xoves perderan na cancha do Priego e que recobran impulso situándose na quinta posición da Superdivisión masculina con 11 puntos.