Empate do TM Monte Porreiro fronte ao Irún para arrancar o ano na Superdivisión masculina

Pontevedra
15 de xaneiro 2024

O conxunto pontevedrés estreou o 2024 recibindo ao Irún Leka Enea no pavillón de Príncipe Felipe, nunha xornada que tivo na súa man cun marcador provisional de 3-1 pero que non logrou pechar ao seu favor tendo que conformarse coa repartición de puntos. Pese ao empate o Monte Porreiro mantense na terceira posición

Nando Álvarez, Nacho Fernández e Miguel Ángel Vílchez no enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea
Nando Álvarez, Nacho Fernández e Miguel Ángel Vílchez no enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea / Cristina Saiz

Repartición de puntos para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na súa primeira xornada de 2024 da Superdivisión Masculina.

O conxunto pontevedrés recibía para iniciar o ano no pavillón de Príncipe Felipe o Irún Leka Enea, e facíao afectado pola baixas de homes importantes como Nico Galvano e André Silva, que obrigaba a recorrer a un home da casa como Nacho Fernández.

A pesar das dificultades, o Visit Pontevedra puxo o encontro ao seu favor co triunfo inicial en cinco mangas de Martín Betancor sobre o visitante Petyo Krastev. Nacho Fernández cedía despois no seu primeiro enfrontamento, pero Miguel Ángel Vílchez e de novo Martín Betancor aseguraban canto menos o empate vencendo a continuación e colocando o 3-1.

Faltaba un punto máis e Vílchez rozouno nun competido partido contra Petyo Krastev, pero esta vez a moeda saíu cruz no desempate e o Irún terminou empatando o duelo co triunfo de Jon Guerricabeitia no choque final fronte a Nacho Fernández.

Ao final repartición de puntos que, iso si, permite ao Monte Porreiro conservar o seu terceiro posto na clasificación da máxima categoría, aínda que empatado a puntos co propio Irún e co Arteal compostelán.