A aventura europea do Tenis de Mesa Monte Porreiro segue viva.
O club pontevedrés, na segunda participación continental da súa historia, afrontou a fin de semana en Países Baixos a fase de grupos da ETTU Europe Cup, segunda competición europea en importancia, e fíxoo deixando grandes sensacións.
O visit Pontevedra impúxose no seu primeiro enfrontamento ao MITT de Malta por 3-0, un resultado vital e que garantía un posto como segundo de grupo na Europa Trophy Cup.
Xa sen nada que perder, o Monte Porreiro pechou a súa presenza en Países Baixos fronte ao anfitrión De Boer Taverzo, ante o que a pesar de tentar plantar batalla terminou cedendo por 0-3.
Desta forma o De Boer Taverzo segue adiante na Europe Cup, mentres que a experiencia continental dos pontevedreses deberá continuar na Trophy Cup, un novo reto e ilusión para a tempada que acaba de comezar.
"Volvemos a casa con boas sensacións despois desta primeira rolda. Tivemos unha efectividade do 50% e ao quedar segundos de grupo continuamos en competición europea", sinalaron desde o club satisfeitos da imaxe dada na súa segunda participación continental.