A base da Escola Hungaresa divírtese a golpe de medallas

Pontevedra
27 de xuño 2022

O equipo pontevedrés desprazouse a pasada fin de semana a Madrid con cinco tiradores de categoría benxamín e alevín, que conseguiron tres medallas de ouro e dous de prata

Tiradores da Escola Hungaresa de categoría alevín e benxamín
Tiradores da Escola Hungaresa de categoría alevín e benxamín / Escola Hungaresa

O pasado sábado celebrouse na localidade madrileña de Las Rozas o Criterium Nacional de Esgrima 2022, que levaba sen celebrarse dende o ano 2019 pola situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19. A Escola Hungaresa desprazouse con cinco deportistas de categorías benxamín (M-11) e alevín (M-13).

No sabre masculino alevín do ano 2009, Matías Villamor clasificouse para a final, tras completar unha excelente fase de grupos, pero cedeu na loita polo ouro ante o madrileño Lucas Fernández, conformándose coa medalla de prata. No sabre masculino alevín do ano 2010, Álvaro Rodríguez fixo unha gran ronda previa, con sete vitorias e unha derrota,o que lle clasificaba directamente para a final fronte ao valenciano Blas del Cid. Álvaro Rodríguez controloou o asalto de principio a fin, alzándose coa vitoria por 10 tocados a 6 e coa medalla de ouro da súa categoría.

No sabre feminino alevín do ano 2009 competiu Candela Touriño que, ao igual que os seus compañeiros, fixo unha excelente rolda previa que a clasificaba para a final fronte á madrileña Gabriela Sordo, onde a lerezana venceu por un contundente 10 a 3 no marcador final e acadou a medalla de ouro. Mentres que, no sabre feminino alevín do ano 2010 participou Carmen Cubela, quen superou a fase de grupos e caeu na final fronte á donostiarra Olaia Urrutxurtu por 10 tocados a 7, obtendo a medalla de prata

Ao remate das probas de categoría alevín, deu comezo o torneo de categoría benxamín onde Marina Cubela fixo unha excelente fase de grupos, rematando na primeira posición e proclamándose campioa do torneo na súa categoría.

Coa obtención dos tres títulos e os dous subcampionatos, desde a Escola Hungaresa amósanse orgullosos polos resultados conseguidos polos seus prometedores canteiráns. "A canteira da esgrima en Pontevedra segue a vivir un momento doce que, de seguro, continuará a dar moitas ledicias no futuro", sinalan desde o club.