Inés Silva, bronce no primeiro torneo de sabre júnior da tempada puntuable para o ranking nacional

Pontevedra
24 de outubro 2022

A Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra iniciou a tempada con bo pé nun torneo celebrado na localidade madrileña de Rivas

Inés Silva, no podio do torneo de sabre de Rivas puntuable para a clasificación nacional
Inés Silva, no podio do torneo de sabre de Rivas puntuable para a clasificación nacional / Escola Hungaresa de Esgrima

A Escola Hungaresa de Esgrima iniciou a tempada con bo pé no primeiro torneo de sabre puntuable para a clasificación nacional cadete e júnior.

O club pontevedrés estivo representado na localidade madrileña de Rivas por Inés Silva e Pilar Garnelo, ambas as dúas aínda de categoría cadete.

As dúas deportistas superaron a fase de grupos en 10ª e 16ª posición respectivamente, clasificándose para o cadro de 32 tiradoras, onde Silva venceu á madrileña Patricia González por 15 tocados a 12 e Garnelo fixo o propio coa madrileña Lucía del Palacio por 15 tocados a 13

Xa no cadro de eliminación directa de 16 tiradoras as lerezanas tiveron unha sorte dispar, ao ceder Pilar Garnelo ante a madrileña Fabiola Villegas por un axustado 15-14, e Inés Silva impúxose á francesa Mathilda Favand por un cómodo 15-9.

Despois chegaría outro triunfo fronte á catalá Duna Dobos (15-10) para avanzar ata as semifinais, onde esperaba a madrileña Mar Fernández. O asalto foi igualado ata os seus últimos compases, onde con igualdade a 13 tocados a madrileña decantou a balanza ao seu favor con dúas accións consecutivas.

A pesar da derrota Inés Silva levou de Madrid unha gran medalla de bronce, conseguida nunha categoría superior á súa e situándose no primeiro posto da clasificación nacional cadete, unha clasificación na que Pilar Garnelo é terceira e que sitúa ás dúas pontevedresas con opcións de clasificarse para o Campionato de Europa e o Campionato do Mundo 2023.