Dobre medalla para a Escola Hungaresa no Campionato de España Cadete de Esgrima

Pontevedra
19 de xuño 2023

O club pontevedrés proclamouse en Santader subcampión por equipos en sabre feminino, e a súa tiradora Pilar Garnelo logrou unha meritoria medalla de bronce na competición individual

Deportistas da Escola Hungaresa no Campionato de España Cadete de Esgrima en Santander
Deportistas da Escola Hungaresa no Campionato de España Cadete de Esgrima en Santander / Susana del Castillo / RFEE

Gran papel o protagonizado pola Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra no Campionato de España Cadete celebrado a pasada fin de semana en Santander.

O conxunto pontevedrés, que participou no torneo nacional con catro sablistas e un equipo feminino, regresou a casa con dúas medallas, unha de prata por equipos no sabre feminino e outra de bronce a nivel individual da man de Pilar Garnelo.

A tiradora pontevedresa superou a rolda previa con cinco vitorias e unha sóla derrota, no terceiro posto provisional. Xa nas roldas eliminatorias superou á madrileña Daniela Solera (15-12) e á catalá Laia Martín (15-4) para chegar a semifinais, onde cedería coa madrileña Lucía Jimeno (10-15) tendo que conformarse co bronce.

Na mesma categoría de sabre feminino Ángela Nogueira finalizou o campionato no 19º posto cunha única vitoria na fase previa.

Ademais Samuel Ogando, en categoría masculina, finalizou no posto 33º aínda rengueante dunha recente intervención cirúrxica.

A competición completouse co Campionato de España por Equipos, onde ademais de Pilar Garnelo e Ángela Nogueira participou Inés Silva. As tres pasaron exentas ao cadro dos 8 mellores vencendo ao Club Esgrima Madrid na o semifinal por 45 toques en 38. Na final esperaba o equipo do Club Esgrima Barallas, que foi mellor gañando á Escola Hungaresa por 37 a 45.