Premio dobre para a Escola Hungaresa no Torneo Nacional de Sabre Infantil de Cidade Real

Pontevedra
18 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O club pontevedrés participou no segundo torneo nacional infantil da tempada con bos resultados para os seus deportistas

Deportistas da Escola Hungaresa no Torneo Nacional Infantil de Sabre en Cidade de Real
Deportistas da Escola Hungaresa no Torneo Nacional Infantil de Sabre en Cidade de Real / Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra

A Escola Hungaresxa de Esgrima participou a fin de semana en Cidade Real no segundo Torneo Nacional Infantil de Sabre da tempada, cita clasificatoria para o Campionato de España da categoría, e fíxoo con bos resultados para os seus deportistas.

En concreto para Matías Villamor e Candela Touriño, ao lograr unha medalla de prata e unha de bronce estreándose ambos os dous no medalleiro nacional da súa categoría.

Villamor e Álvaro Rodríguez representaron o club pontevedrés na competición masculina, superando a fase de grupos no sexto e undécimo posto respectivamente. Xa nos cruces Rodríguez superou o seu primeiro envite pero cedeu no segundo ao caer cun apertado 15-14 fronte ao abulense Lucas Sánchez.

Mellor foron as cousas a Matías Villamor, vencendo no seu camiño á final o donostiarra Diego Álvarez (15-2), o abulense Lucas Sánchez (15-11), o madrileño Eric Van Gent (15-11) e o tamén madrileño Flórez (15-13). No enfrontamento polo ouro con todo non puido co catalán Román (13-15).

En canto ao torneo de sabre feminino, a Escola Hungaresa presentou á competición a Candela Touriño e Carmen Cubela, superando ambas as dúas a fase de grupos nos postos 11 e 27.

Cubela cedeu no cruzamento das 32 mellores contra a burgalesa Gadea Páramo, mentres que Touriño si avanzou no cadro gañando a madrileña Inés Munro (15-6), á verdugo da súa compañeira de equipo (15-14) e a madrileña Elisa Morán (15-4). Xa en semifinais, cedeu fronte á catalá Mariona Sanahuja (10-14) tendo que conformarse co bronce.