As infantís da Escola Hungaresa conquistan o bronce no nacional de esgrima

Pontevedra
13 de xuño 2023

O equipo de sabre feminino obrou unha espectacular remontada no asalto polo terceiro posto do campionato para conseguir a medalla de bronce para o club pontevedrés, que desprazou a Madrid a tres sablistas masculinos e tres femininas para participar no Campionato de España de categoría infantil

Equipo masculino e feminino infantil da Escola Hungaresa
Equipo masculino e feminino infantil da Escola Hungaresa / Escola Hungaresa

A localidade madrileña de Tres Cantos acolleu a pasada fin de semana o campionato de España de esgrima infantil 2023 no que participou a Escola Hungaresa de Pontevedra, que desprazou a seis sabristas integrados en dous equipos.

No sabre masculino individual participaron Pedro Casal, Álvaro Rodríguez e Matías Villamor, que remataron a proba en décomo quinta, décimo novena e vixésima posición, respectivamente.No sabre feminino individual participaron Ángela Nogueira, Candela Touriño e Carmen Laia Cubela, que lograron un noveno, décimo e décimo cuarto posto respectivamente.

Pero foi na modalidade por equipos na que a escuadra lerezana brillou máis. O conxunto masculino non puido superar a primeira rolda e caeu diante do Sala de Armas de Madrid por 45 toques a 29.

Pola contra, o equipo feminino meteuse en semifinais logo de vencer ao conxunto do Club de Esgrima de Madrid por 45 toques a 30. Na antesala da final non puideron superar á Sala de Armas de Madrid e cederon por 45 toques a 35. Na final polo bronce, as pontevedresas medíronse coas valencianas do Club de Esgrima Ágora. Despois dun inicio dubitativo nas que as do Mediterráneo puxéronse por diante, as atlánticas foron quen de darlle a volta á situación no último tercio do asalto cunha espectacular remontada obrada por Ángela Nogueira no penúltimo parcial, onde fixo 11 toques á súa rival, que non puido facer ningún.

A vitoria deixóulla en bandexa á súa compañeira Candela Touriño que, aportando tranquilidade e un bo esquema táctico, pechou o asalto cunha vitoria por 45 toques a 40 dando ao equipo a medalla de bronce no Campionato de España Infantil.