Benicassim acolleu durante toda a fin de semana o Open de España de taekwondo, con grandes resultados para os clubs pontevedreses nas categorías inferiores de combate.
En idade senior, só Katya Calvar (Mat's de Marín) subiu ao podio. Fíxoo na categoría de -67 quilos tras avanzar ata semifinais e perder no punto de ouro nun apertado combate coa madriñela Cecilia Castro (Madrid).
Mellor foron os cousas na categoría junior, coas medallas de ouro de Jessica Blanco (Mace Sport) en -55 quilos, categoría na que a súa compañeira Uxía Ogea conseguiu o bronce, e Javier González (Mace Sport), que se impuxo no peso de -63 quilos, con Unai Silva (Mace Sport) conseguindo o bronce.
Ademais Nicolás Arbibay (Taekanart) e Yerai Rodríguez (Taekanart) foron bronce en -59 quilos e Arlet Ortiz (Mat's) en -52 quilos.
En canto á categoría cadete, dúas foron as medallas de ouro para o Taekanart pontevedrés, as de Xian Rodríguez en -45 quilos e David Rodríguez en -41. Pola súa banda Sheila Dozo colgou o bronce en +59 quilos e Noh Pereira (Mat's) a prata en -61 quilos.
Non quedaron aí os éxitos do taekwondo pontevedrés, que tamén destacou na modalidade de Freestyle, na que o quinteto de -17 anos do Mace Sport (Sarai Pazos, Ana Pita, Ángel López, Adrián Ventín e Yago Pita) conseguiu o campionato.
A nivel individual Ángel López foi medalla de prata e Yago Pita bronce, ambos en -17 anos, mentres Ana Pita e Diego Rodríguez conseguiron o bronce en parellas.