Non tivo sorte Lydia Pérez Touriño no Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas que se está a celebrar na capital de Serbia, Belgrado.
A deportista pontevedresa viu como a brasileira Lais Nunes, número 5 do ranking mundial, non lle daba opción no combate de 1/16 de final, apartándoa da pelexa polas roldas finais por un tenteo de 10-0.
Tras a súa derrota Lydia quedou pendente de como evolucionaba a súa rival cun ollo posto nunha posible repesca, pero Nunes, que superou con autoridade o seu choque de 1/8 de final, terminou caendo unha rolda despois fronte á xaponesa Sakura Motoki, pechando a vía da repesca e as opcións de pelexar por unha medalla de bronce.
Este Campionato do Mundo era unha cita importante para a deportista do Club Loita Pontevedra, ao tratarse da primeira cita clasificatoria para os Xogos Olímpicos de París.
Ese obxectivo con todo, o da clasificación olímpica, terá aínda que esperar para outra ocasión.