Recepción na alcaldía a Lydia Pérez Touriño, campioa absoluta de España de loita

Pontevedra
17 de xaneiro 2024

A loitadora mantivo un encontro no Concello co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa concelleira de Deportes, Anabel Gulías, despois de que a pontevedresa obtivera o recoñecemento como deportista de alto nivel por parte da Xunta de Galicia e teña marcado como obxectivo acudir á cita olímpica de París 2024

Recepción na alcaldía de Pontevedra á campioa en loita Lydia Pérez Touriño
Recepción na alcaldía de Pontevedra á campioa en loita Lydia Pérez Touriño / Mónica Patxot

Lydia Pérez Touriño é unha das grandes deportistas pontevedresas, despois dun magnífico ano de resultados onde se proclamou campioa nacional absoluta de España na categoría seniors de menos de 62 kg. en 2023, revalidando título e mostrando os motivos que lle levan a ser a loitadora española con maior presencia en campionatos internacionais dentro da súa categoría.

Este mércores era recibida na alcaldía do Concello de Pontevedra polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, que lle entregaron un agasallo de recoñecemento aos seus logros deportivos durante os últimos meses.

A loitadora obtiña tamén no mes de setembro o título de campioa na categoría de menos de 70 kg. nos Xogos Mediterráneos de Area e foi recoñecida como deportista de alto nivel pola Xunta de Galicia neste 2024.

Os seus próximos obxectivos, a partir deste mes de xaneiro cando se retoman as competicións, son lograr unha praza para competir nos Xogos Olímpicos de París 2024 e, en todo caso, a máis longo prazo, para a cita olímpica de Los Ángeles 2028.

A súa intención é lograr unha das dúas prazas que quedan dispoñíbles para a cita francesa. O alcalde de Pontevedra trasladoulle ánimos lembrando que a loitadora é "un referente para todas as rapazas pontevedresas".

Ademais, está a traballar para lograr a medalla de ouro no campionato europeo ou no mundial de loita que se celebran neste ano.

Lydia Pérez Touriño foi xa proclamada 19 veces campioa de España, pertence ao Club de Lucha Pontevedra, forma parte das deportistas que contan cunha bolsa do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e estuda Ciencias da Actividade Física e do Deporte no campus pontevedrés.