A BTTroita desafía á choiva na súa terceira edición

Ponte Caldelas
08 de maio 2016

Máis de 400 ciclistas de montaña completaron a ruta de 38 quilómetros coa que Ponte Caldelas abre apetito ante a inminente Festa da Troita

III Ruta BTTroita de Ponte Caldelas
III Ruta BTTroita de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Nin a choiva nin saber que as pistas de montaña estarían repletas de barro freou aos participantes da terceira Ruta BTTroita, que se celebrou este domingo en Ponte Caldelas.

Máis de 400 ciclistas tomaron a saída desde a Alameda, para afrontar os 38 quilómetros de percorrido pola contorna do río Verdugo.

Os deportistas tiveron mesmo que cruzar o río nos Pasos da Fraga, nunha das imaxes da ruta.

Ao rematar a proba, non competitiva, entregáronse diversos premios, como aos ciclistas de maior e menor idade, Agustín González (61 anos) e David Casqueiro (16 anos), e tamén ao club máis numeroso, a peña ciclista Mitykos.

A cita serve como anticipo deportivo á Festa da Troita, que se celebrará na súa 50 edición a fin de semana do 28 e 29 de maio.