Máis de trescentos deportistas participaron este domingo na cuarta edición da BTTroita, a ruta de ciclismo todo terreo que se celebra en Ponte Caldelas.
A proba comezou a primeira hora da mañá con moitas gañas de gozar dun trazado mixto, con todos os ingredientes necesarios para gozar da bicicleta. Os últimos ciclistas chegaron sobre as 13.30 horas, coincidindo coa entrega dos agasallos dos patrocinadores.
A organización, a cargo do Concello de Ponte Caldelas e da empresa Global DxT, estivo á altura das circunstancias cun máis que correcto marcado dos 38,5 quilómetros do percorrido, suficientes avituallamentos e unha "fun zone" na propia Alameda.
Os ciclistas dispuxeron así de postos de froita e pastelería, auga e bebida isotónica, área de masaxes e servizo de lavado de bicicletas. Todo elo funcionou á perfección, aproveitando tamén o bo tempo da xornada. Ademais non houbo que lamentar ningún accidente con consecuencias remarcables.
Os tenentes de alcalde Enrique Vidal e Lito Muíños, en nome de todo o goberno local, entregaron agasallos ao deportista de maior idade, que resultou ser José María Martínez, de 64 anos; ao máis novo, Alexandre Fernández, de 16, así como aos equipos máis numerosos, empatados con 11 participantes, a Armenteira y Punto e Dobre Suspensión.