A canteira do Galaico demostra a súa boa saúde no Campionato de España Infantil de Verán

Pontevedra
04 de agosto 2022

O club pontevedrés acudiu con seis nadadores á competición nacional celebrada en Logroño, unha cifra de deportistas que hai anos que non presentaba nun campionato deste estilo a pesar dos problemas desta tempada coas instalacións de adestramento tras o peche de Rías do Sur

Equipo do CN Galaico no Campionato de España Infantil de Verán en Logroño
Equipo do CN Galaico no Campionato de España Infantil de Verán en Logroño / Club Natación Galaico

Nin os problemas que tiveron este ano os seus deportistas para adestrar polo peche de Rías do Sur frea a ilusión do Club Natación Galaico.

A entidade deportiva pontevedresa volveu a demostrar que a súa canteira está en plena forma, e é que había uns anos que non presentaba un equipo de ata seis nadadores nun campionato nacional por idades.

É o que pasou no recente Campionato de España Infantil de Verán celebrado en Logroño, ao que o club pontevedrés acudiu con Paula Fariña, Gisèle Rocha, Iker Pérez, Nadia de la Fuente, Sofía Barros e Pedro Barros.

Era un equipo moi novo, ao estar todos no seu primeiro ano, pero o balance foi moi positivo ao mellorar todos eles as súas marcas, sendo o mellor posto o sétimo lugar de Sofía Barros nos 400 libre.

Unha actuación que reforza o traballo realizado polo Galaico nos últimos meses e que lle enche de moral para pensar xa na nova tempada.