O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra foi escenario a fin de semana do Campionato Galego de Natación de Longa Distancia, que non puido celebrarse en Rías do Sur pola situación que atravesa o complexo deportivo de Ponte Muíños.
A pesar diso e no 'exilio', tal e como o define o propio club, o Natación Galaico deu a talla esquecendo os problemas que arrastra desde hai meses para adestrar con normalidade.
A entidade deportiva pontevedresa puxo en liza 13 nadadores, finalizando nunha meritoria segunda posición en categoría masculina e terceiro lugar tanto na feminina como na clasificación conxunta.
A nivel individual os resultados máis destacados foron os de Olivier Rocha, gañador dos 2.000 metros infantil masculino, Sofía Barros como subcampioa nos 2.000 metros libre femininos con Giséle Rocha como medalla de bronce; Cristian Fernández como subcampión sénior masculino e Ana Pérez García-Picher ao ser terceira nos 3.000 metros estilo libre.
O mellor club do campionato foi o CN Ponteareas impoñéndose tanto na categoría masculina como na clasificación conxunta, mentres que o CN Ferrol impúxose en categoría feminina.