A carreira de Santiaguiño do Burgo máis popular

Pontevedra
23 de xullo 2015

A proba, que se celebrará o próximo sábado, supera as previsións iniciais e conta con 668 inscritos, ao que haberá que sumar os atletas participantes nas categorías inferiores

Participantes na XVII edición da Carreira popular de Santiaguiño do Burgo
Participantes na XVII edición da Carreira popular de Santiaguiño do Burgo / PontevedraViva

É a súa décimo novena edición e vai camiño de ser a máis popular de todas elas. A Carreira Popular Santiaguiño do Burgo contará o próximo sábado 25 de xullo, día no que se celebra a festividade do patrón do barrio, coa participación de 668 atletas.

É a cifra de deportistas anotados nas categorías promesa, sénior e veteranos, as que puntúan para o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra na que é a cuarta cita do calendario.

Pero a esta cifra aínda haberá que sumar todas as categorías inferiores, dende chupete ata xuvenil, que tomarán parte nas carreiras previas á gran proba, e cuxa inscrición se pode formalizar o mesmo día.

Dende as 10:00 horas daranse saída aos máis novos e ás 11:00, dende a ponte do Burgo, partirán os atletas absolutos para completar un percorrido de 6.450 metros que discorrerá principalmente a zona da Xunqueira de Alba.

A proba estará organizada un ano máis pola Asociación Xuvenil Santiago Peregrino do Burgo e o Instituto Municipal de Deportes coa colaboracion da Sociedad Gimnastica.