Pontevedra volverá ser parada este ano do circuíto de carreiras populares Ponle Freno, iniciativa de concienciación pola seguridade viaria impulsada polo grupo Atresmedia e a Fundación Axa.
A cita pontevedresa, que foi presentada oficialmente este martes, terá lugar o sábado 24 de xuño.
Trátase dun evento solidario, e é que o custo das inscricións (5,50 euros para os adultos e gratuítas para as carreiras de menores de idade) será destinado integramente á asociación Stop Accidentes.
"Quero facer un chamamento a todos os veciños da comarca para que asistan, é moi importante sensibilizar sobre a seguridade viaria", sinalou na presentación o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado de representantes das entidades organizadoras e do campión do mundo de maratón Martín Fiz, embaixador do circuíto e que cualificou o percorrido pontevedrés de "muy bonito, muy chulo".
A carreira, cunha versión curta de 5 quilómetros e unha longa de 10 quilómetros de percorrido, terá instalada tanto a saída como a meta na Avenida Montero Ríos para baixar cara ao río por Arcebispo Malvar e penetrarse na Xunqueira de Alba, estando previsto que a actividade comece coas probas infantís ás 20.00 horas e con saída para os adultos ás 21.30 horas.
A máis de 10 días para o evento son xa máis de 600 os deportistas rexistrados, aínda que o obxectivo é poder achegarse á cifra máxima de participantes en anteriores edicións, fixada en 1.200 atletas.